Publicación do terceiro número do Boletín Académico

BAC_02

A revista Boletín Académico, que desde 1985 viña publicando a ETSAC, comezou unha nova etapa en 2010. A progresiva implantación dos sistemas de avaliación da calidade do profesorado universitario en España, aconséllanos difundir a investigación arquitectónica a través dunhas canles normalizadas: neste contexto, xorde a transformación da nosa revista nun journal.

Boletín Académico. Revista de investigación y arquitectura contemporánea é unha publicación anual, dixital e científica que segue o procedemento de revisión anónima por pares para a publicación dos seus textos. Edítase no formato normalizado Open Journal Systems (OJS) e traballa co horizonte de sucesivas indexacións.

A revista recolle en cada número artigos de investigación orixinais, inéditos e especializados en arquitectura contemporánea. A participación na revista é libre e aberta, sen máis restricións que as definidas polo seu obxectivo e o seu formato.

A temática de Boletín Académico abarca todas as áreas de coñecemento que están presentes nas escolas de arquitectura españolas, aínda que os artigos publicados sempre deberán referenciar as súas achegas teóricas a exemplos de arquitectura contemporánea, incidindo de maneira especial naqueles aspectos que supuxesen investigación, desenvolvemento tecnolóxico e innovación.

En canto ao formato, a revista admite textos escritos en español, galego ou inglés. Os orixinais recíbense durante o mes de outubro, e cada novo número estará listo o 1 de marzo. No sitio www.boletinacademico.com pódense atopar as normas de publicación para os autores e os números publicados.

Os números da primeira etapa, publicados entre 1985 e 2002, están dispoñibles no repositorio da UDC: http://ruc.udc.es/dspace/handle/2183/5066.