Desde a Escola de Arquitectura da Coruña queremos transmitir o noso máis sentido pésame polo falecemento de Alberto Noguerol del Río, que foi profesor de proxectos na nosa Escola desde o ano 1986 ata a súa xubilación, onde deixou unha inesquecible pegada polo seu maxisterio.
Nacido en Callobre (Miño) en 1943, titulouse pola Escola de Arquitectura de Barcelona en 1974, onde impartiu docencia de proxectos entre 1978 e 1986. En 1980 creou o estudo de arquitectura Noguerol e Díez xunto a Pilar Díez, proxectando obras como a Casa Consistorial de Cangas (1984), a reforma do Clube Universitario da Universidade da Coruña (1991), a Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela (1993), o Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia en Santiago de Compostela (1993), a Biblioteca Central da Universidade de Vigo (1995), os centros de saúde de Elviña (A Coruña, 1995), Os Mallos (A Coruña, 2002) e Santa Cruz (Oleiros, 2002) ou a nova terminal do aeroporto da Lavacolla (2005)
O seu traballo foi divulgado en revistas e monografías, que se poden consultar na biblioteca da Escola.
Descanse en paz.
Na imaxe, Alberto Noguerol explica o Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia ó alumnado da Escola de Arquitectura (Maio de 2009).
Alberto Noguerol + Pilar Díez (Cartel elaborado pola Sección de Arquitectura do Consello da Cultura Galega)