Dous alumnos da Escola gañan a fase nacional do concurso ISOVER 2012

CONCURSO INTERNACIONAL ISOVER MULTI-COMFORT HOUSE – FASE NACIONAL 13/04/2012

O pasado venres 13 de abril, celebrouse en Madrid a fase nacional do Concurso ISOVER Multi-Comfort House onde o equipo da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña, integrado polos estudantes  Antonio Giráldez López e Adrián González do Campo, e acompañados polo profesor Enrique Antelo, obtivo o primeiro premio co seu proxecto Infection. O segundo correspondeu á Universidade de Las Palmas de Gran Canaria, equipo composto polas estudantes María Teresa Rengifo, Ainhoa Soa e Gabriela Carla Vargas, asistidos polo profesor Manuel Montesdeoca, polo seu proxecto Box in Box + Four Elements. Finalmente, o terceiro premio recaeu na Universidade Politécnica de Cataluña ? Escola do Vallés, representada por Yaary Vitti co proxecto New Climate For Public Space, co profesor Enrique Corbat como responsable.

Nesta fase nacional do concurso elixíronse o tres gañadores que representarán a España na final internacional que se celebrará en Bratislava (República Eslovaca) do 22 ao 25 de Maio.
A final nacional do concurso ISOVER Multi-Comfort House 2012 reuniu aos estudantes de arquitectura das principais Universidades Españolas que tiveron a oportunidade de demostrar os seus coñecementos en construcións de alta eficiencia enerxética e confort acústico, así como defender os proxectos nos que traballaron durante o ano fronte a un tribunal composto polos profesores das correspondentes escolas de arquitectura e o Director Técnico e de Desenvolvemento de Isover. Esta fase estivo dotada con 1.500 euros, para o primeiro premio; 1.000 euros para o segundo e 750 euros para o terceiro.
O tema do concurso desta edición versaba sobre a rehabilitación e desenvolvemento dunha comunidade en Trent Basin, Nottingham, tendo en conta non só conceptos de rehabilitación enerxética, solucións construtivas innovadoras, etc., senón tamén unha visión integradora do urbanismo lindeiro e motores económicos que permitan a rexeneración da zona dunha forma equilibrada de vida, traballo, lecer e outros servizos. Así, o arquitecto sitúase como unha peza fundamental para o impulso de zonas deste tipo nas nosas cidades.
Os proxectos presentados destacaron pola variabilidade e interese das diferentes solucións aplicadas nas unidades residenciais para alcanzar os criterios Multi-Comfort House de ISOVER requiridos como base do concurso, combinadas con outros alicerces fundamentais de rexeneración económica, produción enerxética, etc.

Cabe lembrar que, no que se refire á Escola de Arquitectura da Coruña, o desenvolvemento do proxecto expúxose como alternativa ás prácticas de curso das materias Construción 4 e Proxectos 4. Desde aquí, agradecer a todos os profesores que colaboraron na organización do concurso a nivel local -Antonio Raia de Blas, Víctor Hermo Sánchez, José Manuel Bermúdez Graíño, Enrique Antelo Tudela, Amparo Casares Galego, Andrés Fernández-Albalat Ruíz e Francisco José Vidal Pérez-, así como a todos os alumnos que participaron no mesmo.

PARABÉNS!

Máis información:
http://www.isover.es/comunicacion/premios-Multi-Comfort-House-Estudantes