Campaña “Móllate polos ríos”

A UDC súmase á IX Limpeza Simultánea de ríos, dentro da campaña “MÓLLATE POLOS RÍOS”, impulsada por ADEGA-Proxecto Ríos esta primeira fin de semana de outubro.
A cita na UDC será ás 12:30 h do vindeiro xoves 6 de outubro, nas marxes do río do Lagar, fronte a Facultade de Empresa e Economía e ao Edificio de Servizos Centrais de Investigación. Incorpórate cando poidas, a partir das 12:30h. Durante máis dunha hora verasnos nas marxes do río recollendo todo o lixo acumulado no último ano.
O obxectivo principal é concienciar á cidadanía ante o problema ambiental da deterioración dos ríos e a xestión que facemos dos residuos: envases usados, latas, botellas, bolsas de plástico, papeis, acaban nos nosos ríos e no mar, algo que está nas nosas mans evitarmos.
Trae calzado axeitado. Alí disporemos de luvas e sacos para recoller o lixo que atopemos.
Contamos coa colaboración da Asociación Ecoloxista ADEGA, que coordina o traballo.
Para te inscribir na actividade envianos un correo a oma3@udc.es para ter o material preciso e para calquera dúbida escríbenos!