Posta en marcha dun punto de atención Quérote+ no CUR

Presentación da posta en marcha dun punto de atención Quérote+ e os seus servizos na UDC

Os centros Quérote+ son un servizo público de información e asesoramento para a mocidade.

A poboación universitaria non deixa de ter dúbidas e dificultades vinculadas ás temáticas que se abordan dende estes centros (autoestima, imaxe corporal, sexualidade, consumo de substancias e convivencia en espazos físicos e virtuais). Recoñecendo esta realidade, a Universidade da Coruña e os Centros Quérote+ asinaron un convenio co obxecto de achegar este servizo á mocidade universitaria, instalando un punto de atención no propio espazo universitario para o asesoramento individual nas consultas relacionadas con estes temas.

O Punto de Atención Quérote+ funcionará os mércores pola tarde, en horario de 17.00 – 19.00 horas, axustándose ao calendario académico. A ubicación do Punto Q+ será no CUR (Centro Universitario de Riazor). A mocidade poderá achegarse a consultar as súas dúbidas e resolver as súas dificultades de forma anónima, confidencial e de balde.