O vindeiro xoves, ás 12:00h, teremos a visita de David Barro, crítico de arte e comisario de exposicións que na actualidade é director da Fundación Luís Seoane da Coruña. A intención é expoñer unha serie de vínculos e complicidades que se queren potenciar entre a Fundación Luís Seoane e a arquitectura; por unha banda coa programación dun interesante curso de arquitectura que comeza ese mesmo xoves 9, ás 19:30h, cunha palestra de Andrés Fernández Albalat, por outro con visitas de personalidades da arquitectura como Martha Thorne, xestora dos premios Pritzker; tamén con exposicións de artistas como o alemán Günther Förg, vencellado á Escola de Dusseldörf; ou obradoiros de artistas urbanos como o grupo Boa Mistura ou deseñadores como os irmáns Campana.
A Fundación Luis Seoane é un lugar onde plantexarse preguntas, un espazo para asumir contradiccións, para reflexionar sobre o coñecido e o descoñecido desde unha óptica contemporánea. De aí que desde esta semana abra un espazo libre para intercambiar ideas e que será obradoiro e lugar de reunión libre para quen o solicite. Alí se impartirán este ano os obradoiros CIDEA, que traerán a algúns dos deseñadores e arquitectos de maior relevancia internacional.
Máis información: http://www.luisseoanefund.org/fundacionls/