Alumnos da ETSAC acadan por 2º ano consecutivo o primeiro premio da fase nacional do concurso internacional ISOVER MCH

O pasado venres 12 de abril, celebrouse en Madrid a fase nacional do Concurso Internacional ISOVER Multi-Comfort House para estudantes de Arquitectura, onde o equipo da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña (ETSAC), integrado por Paula Charlín Padín e Alba Dalama Gómez,  acompañadas polo profesor Enrique Antelo, obtivo o primeiro premio co seu proxecto “Living in… Horizontal, Vertical & Oblique” .

isover_01
Este é o segundo ano consecutivo que o equipo que representa á ETSAC resulta vencedor na fase nacional deste prestixioso concurso.  Os dous primeiros clasificados na devandita fase nacional representarán a España na final internacional que se celebrará en Belgrado (Serbia), do 15 ao 18 de Maio.

isover_03

Enlace ao pdf do proxecto

O segundo premio correspondeu á Universidade Politécnica de Cataluña – Escola do Vallés, equipo composto polos estudantes Marta Franquesa Badía e Francisco Carballo Sanz, asistidos polo profesor Enrique Corbat, polo seu proxecto “Be + Bio Energy Plus”. Finalmente, o terceiro recaeu na Universidade de Las Palmas de Gran Canaria, representada por Israel López Machín, Kaichi Eslamiada Sugisawa e Sergio Escudeiro Chiyah co proxecto “Sharing Lines” e o profesor Manuel Montesdeoca como responsable.

A final nacional do concurso ISOVER Multi-Comfort House 2013 reuniu aos estudantes de arquitectura das principais Universidades Españolas que tiveron a oportunidade de demostrar os seus coñecementos en construcións de alta eficiencia enerxética e confort acústico, así como defender os proxectos nos que traballaron durante o ano fronte a un tribunal composto polos profesores das correspondentes escolas de arquitectura e representantes da empresa Isover. Esta fase estivo dotada con 1.500 euros para o primeiro premio; 1.000 euros para o segundo e 750 euros para o terceiro.

O tema desta edición versaba sobre o desenvolvemento de diversas zonas do novo “Gluckstein Quartier” en Mannheim (Alemaña). Os proxectos abordaron o deseño residencial garantindo a continuidade natural do barrio cara ao norte, mellorando o uso dunha zona verde e enlazándoa coa área de vivendas xa existentes en Lindenhof.

Os proxectos presentados destacaron pola variabilidade e interese das diferentes solucións aplicadas nas unidades residenciais para alcanzar os criterios Multi-Comfort House de ISOVER requiridos como base do concurso, combinadas con outros alicerces fundamentais de rexeneración económica, produción enerxética, etc.

Cabe lembrar que, no que se refire á Escola de Arquitectura da Coruña, o desenvolvemento do proxecto expúxose como alternativa ás prácticas de curso das materias Construción 4, Proxectos 4 e Estruturas 3. Desde aquí, agradecer a todos os profesores que colaboraron na organización do concurso a nivel local, así como a todos os alumnos que participaron no mesmo.
PARABÉNS!