
O patrimonio edificado constituído polos inmobles aos que se lles recoñece valor cultural —que a Lei de patrimonio cultural de Galicia denomina patrimonio arquitectónico— require actuacións dirixidas á súa conservación e a manter a súa integridade e autenticidade, pero tamén é obxecto de intervencións de restauración e rehabilitación orientadas á súa recuperación ou a adaptacións que permitan manter o uso preexistente ou incorporar novos usos, como medio para facer viable a súa continuidade no tempo.
O foro «Intervir no patrimonio edificado. Incorporar o pasado ao futuro», que se celebrará no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar, Praza do Obradoiro, s/n, Santiago de Compostela) varios luns de novembro de 9.30 a 19.30 horas, trata precisamente desa continuidade e de como facela posible: como intervir, quen intervén, e quen e como decide que conservar, suprimir, engadir ou modificar.
A intervención no patrimonio edificado suscita cuestións complexas que afectan tanto aos criterios de actuación como aos métodos de traballo e aos marcos normativos que os regulan.
Os criterios de intervención, a integración harmónica de diversas áreas de coñecemento e a aplicación das normas constitúen os tres eixes temáticos arredor dos que se organizan as xornadas deste foro, no que participará profesorado do Máster Universitario en Rehabilitación Arquitectónica que se imparte na ETSAC.
PRIMEIRA XORNADA · 9 de novembro
Criterios e metodoloxías de intervención sobre o patrimonio edificado de Galicia. Conservar, restaurar, rehabilitar
SEGUNDA XORNADA · 16 de novembro
Proxectar e executar intervencións sobre o patrimonio edificado de Galicia. Da multidisciplinariedade á transdisciplinariedade
TERCEIRA XORNADA · 23 de novembro
A regulación das intervencións sobre o patrimonio edificado de Galicia. Entre as regras legais e a aplicación
Cada xornada estrutúrase seguindo o mesmo formato: unha conferencia, para a que contaremos coa participación de tres persoas de recoñecida traxectoria nos ámbitos temáticos abordados; unha mesa temática con convidados e convidadas procedentes de diferentes institucións, entidades e colectivos, e unha mesa de debate con representantes de organismos, institucións, programas formativos ou entidades vinculadas á temática da xornada.
A inscrición é gratuíta e debe realizarse desde a páxina web do Consello da Cultura Galega. O número de prazas é limitado (100 persoas) e cubriranse por rigorosa orde de inscrición.