
Como se incorpora a perspectiva de xénero á investigación? Que impacto ten este coñecemento máis aló da universidade?
O PechaKucha_CEXEF 2026 reúne alumnado, profesorado e persoal investigador para compartir, nun formato áxil e participativo, experiencias, proxectos e resultados que integran o feminismo e a perspectiva de xénero en diferentes disciplinas a través de presentacións breves, dinámicas e visuais.
Unha oportunidade para coñecer novas investigacións, descubrir metodoloxías innovadoras e reflexionar sobre como a produción de coñecemento pode contribuír á transformación social.
Mércores 4 de novembro de 2026. Pavillón de estudantes, Campus de Elviña, UDC
Participan varias persoas vinculadas á ETSAC: Nerea López Bolón, graduada en Estudos de Arquitectura, presentará a súa TFG “Centros Maggie. A arquitectura dá esperanza”, titorizado pola profesora Mónica Mesejo Conde e galardoado co I Premio do III Concurso de Traballos Académicos con Perspectiva de Xénero «Pascuala Campos de Michelena». Así mesmo, a profesora Amparo Casares Gallego moderará unha das sesións e contaremos con Zinthia Álvarez Palomino e a profesora Cristina Botana Iglesias para a conferencia de peche.