Conferencia de Seara Peleteiro Arquitectos na Real Academia Galega de Belas Artes

O vindeiro martes 15 de setembro ás 19:30 horas retómanse os “Martes das Artes” co Ciclo de conferencias “Experiencias en arquitectura. Investigacións e realizacións recentes”, actividade coordinada polo arquitecto e académico Xosé Manuel Casabella López.

A xornada comporase pola conferencia “Construír nas marxes”, impartida por impartida Juan Seara Oro e Berta Peleteiro Varela ambos os dous fundadores de Seara Peleteiro Arquitectos. Na charla, Seara Peleteiro Arquitectos, tras 15 anos de exercicio profesional no rural adicados a facer e rehabilitar vivenda, achegarán unha serie de reflexións e de obras que poñen en dúbida os relatos que condicionaron o xeito de abordar a Arquitectura de toda unha xeración, e o enfoque da crise habitacional actual.

A través da súa experiencia directa nun determinado contexto social, cultural e económico, abordarán a resignificación do oficio, reenmarcando problemáticas que habitualmente quedan nas marxes da diagnose oficial, condicionada en moitos casos por unha visión principalmente urbanita e desvinculada do feito material.

Todos os actos do ciclo terán lugar ás 19:30 horas no Salón de Actos da Real Academia Galega de Belas Artes (Praza Pintor Álvarez de Sotomayor, 1. A Coruña) con entrada libre ata completar capacidade.

Máis información