Presentación no COAM do libro Alejandro de la Sota. La naturaleza en su legado

Alejandro da Sota é un salientable mestre da arquitectura española da segunda metade do século XX. Este libro analiza un dos temas centrais da súa obra, a relación entre arquitectura e natureza. A análise dos seus proxectos e dunha selección de obras dos seus antigos colaboradores, e hoxe importantes referentes da arquitectura española actual, permítenos achegarnos a un dos temas mais importantes dun ideario compartido que cada vez parece máis vixente.

Un ideario que, pola súa visión integral da arquitectura e pola súa atención ao diálogo entre o ser humano, a natureza e o lugar, trascendeu o marco teórico da modernidade e achéganos a temas fundamentais da arquitectura contemporánea como é a conservación e respecto ao noso medio ambiente.

Un respecto e posta en valor da natureza e da paisaxe que tamén está presente nas obras de Juan Navarro Baldeweg, Manuel Gallego, Carlos Puente, Víctor Lopez Cotelo ou Josep Llinás, en cuxos proxectos atopamos unha sensibilidade compartida.

Proxectos nos que constatamos como os seus ascéticos materiais e formas non conlevan unha minusvaloración ou disolución da súa arquitectura. Unha arquitectura aberta ao exterior e desposuída de superfluos formalismos que busca facer espazo para o ser humano e que consegue trasladar o protagonismo do arquitectónico ao natural dando lugar a algúns dos máis icónicos proxectos da arquitectura española do século XX e do inicio do XXI.

Na presentación, que terá lugar o martes, 15 de setembro, ás 19 horas, na AULA A5 (Segunda planta) participarán o decano do COAG Luciano Alfaya, o profesor da ETSAC Fernando Agrasar e o autor do libro Manuel Amable Romero, e estará moderada por Ángela Baldellou.