
O sábado rematou en Ribeira o Workshop Architectures of the Sea: Secada – Touro, tres intensas xornadas de traballo colaborativo desenvolvidas na Área Nai de Secada–Touro, un dos enclaves de referencia do litoral galego polo seu excepcional valor patrimonial, paisaxístico e marítimo.
Organizado pola Universidade da Coruña, no marco do proxecto europeo SEALabHaus, o workshop reuniu a 19 estudantes do Grao en Estudos de Arquitectura, do Grao en Paisaxe e do Máster Universitario en Arquitectura (MUA), que durante estes días analizaron o territorio, percorreron o ámbito de estudo e desenvolveron propostas arredor das relacións entre arquitectura, paisaxe, patrimonio marítimo e rexeneración das paisaxes produtivas do litoral atlántico.
A actividade foi coordinada polos profesores da ETSAC Óscar Fuertes e Juan I. Prieto e contou coa participación dos arquitectos Óscar Fuertes e Iago F. Penedo (Fuertes Penedo), Juan I. Prieto e Faustino Patiño (Prieto+Patiño), a arquitecta María Fandiño (MF Paisaxe) e Eduardo Landia (Ele_arkitektura) conformando un equipo docente multidisciplinar que guiou ao estudantado ao longo de todo o proceso de investigación e deseño. É coa participación do director da ETSAC, Miguel Abelleira, que participou na sesión crítica final.
O workshop incorporou tamén a experiencia e o coñecemento de diferentes axentes vinculados ao mar e ao territorio, coa colaboración da Confraría de Pescadores San Bartolomeu de Noia, Gerardo Triñanes, da Asociación Galega de Carpintaría de Ribeira, Mar Fraga, de Enmalle Estudio, e Adrián Capelo, da Fundación RIA, fortalecendo o diálogo entre universidade, profesión e comunidade local.
Esta edición galega forma parte do programa internacional Architectures of the Sea, desenvolvido no marco do proxecto SEALabHaus, que promove foros transnacionais de cooperación arredor do turismo azul, o patrimonio marítimo e a resiliencia das comunidades costeiras, e que xa pasou por Dublín, Gran Canaria, Bretaña e Portugal.
Grazas a todas as persoas participantes, entidades colaboradoras e institucións que fixeron posible este espazo de aprendizaxe, intercambio e reflexión colectiva sobre o futuro das nosas paisaxes costeiras.
📸 Fotografías: © María Cereijo
Máis información no instagram de @architecturesofthesea.