A Universidade da Coruña pon en marcha o proxecto TERRAVERSO

A Universidade da Coruña (UDC) iniciou oficialmente o proxecto TERRAVERSO. Laboratorio de Arte, Ciencia e Comunidade arredor do Patrimonio Literario Rural (https://terraverso.udc.es/), unha iniciativa financiada pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) no marco da convocatoria 2025 de Cultura Científica, na modalidade ACTS (Arte, Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade).

Coordinado pola profesora María Andrade Suárez, do Departamento de Socioloxía e Ciencias da Comunicación da UDC, o proxecto desenvolverase entre xullo de 2026 e xullo de 2028 co obxectivo de transformar as casas-museo e fundacións de escritores do medio rural galego en espazos de encontro entre patrimonio, creación artística, investigación e participación cidadá.

TERRAVERSO nace da colaboración entre a Universidade da Coruña e ACAMFE (Asociación de Casas-Museo e Fundacións de Escritores), e conta coa participación de cinco institucións de referencia do patrimonio literario galego: a Fundación Rosalía de Castro, a Fundación Eduardo Pondal, a Fundación Curros Enríquez, a Fundación Uxío Novoneyra e a Casa-Museo Otero Pedrayo.

O proxecto está desenvolvido por un equipo da Universidade da Coruña integrado por especialistas en socioloxía, comunicación, turismo, arquitectura e enxeñaría, que traballarán conxuntamente con artistas, mediadores culturais e as comunidades locais dos territorios participantes.

O equipo da UDC está formado por María Andrade Suárez, Iria Caamaño, Estefanía López Salas, Elvira Santiago, Teresa Piñeiro, Maricarmen Tapia, Noel Castro, Manuel Docampo e Alberto Varela.

Segundo explica a investigadora principal do proxecto, María Andrade Suárez, “TERRAVERSO pretende demostrar que o patrimonio literario pode converterse nunha ferramenta de innovación social e cultural. Queremos que as casas-museo sexan espazos onde literatura, ciencia, arte e cidadanía dialoguen para xerar novas formas de coñecemento e de participación no medio rural”.

Máis información