
O profesor da ETSAC Plácido Lizancos foi elixido membro do Board de Architecture Sans Frontières International (ASF-Int) durante a Asemblea Xeral da organización, celebrada en Barcelona entre o 26 e o 29 de xuño. Neste órgano internacional de goberno asumirá as funcións de secretario.
O Board, de dez membros, está presidido por Beatrice De Carli (ASF-UK) quedando configurado nesta andaina por representantes de ASF de Dinamarca, República Checa, Reino Unido, Francia, Suecia, Italia, Quebec e Benelux, así como da organización surafricana 1to1 – Agency of Engagement, configurando un equipo comprometido coa cooperación arquitectónica, a xustiza espacial e o dereito ao hábitat nun contexto global.
A proposta presentada por Lizancos ante a Asemblea Xeral aposta por fortalecer a cooperación entre universidades, organizacións sociais de base e profesionais da arquitectura, ampliar as alianzas multilaterais Norte-Sur e reforzar o papel de ASF International como unha rede global comprometida coa defensa do dereito ao hábitat, á vivenda e á cidade. Propón tamén traballar a prol do recoñecemento do dereito á arquitectura como un dereito humano emerxente, ao servizo da xustiza social.