
O vindeiro martes 14 de xullo, ás 12:00 horas, terá lugar a inauguración desta exposición no Museo do Pobo Galego en Santiago de Compostela, organizada polo Colexio e a Delegación de Santiago, o Museo do Pobo Galego e a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, coa colaboración da Xunta de Galicia.
Esta mostra, comiariada por Paula Franjo Calvo e Sandra González Álvarez, propón un percorrido por algúns dos momentos chave da cultura arquitectónica galega do último terzo do século XX a través da figura de Rafael Baltar (1933-2004), unha das personalidades máis singulares desta etapa, marcada pola chegada da democracia e por novos modos de entender os ámbitos da arquitectura e da cultura galegas.
Baltar —arquitecto, profesor da ETSAC, presidente da Xunta Xestora e membro do Padroado do Museo do Pobo Galego, académico, autor…— foi unha das presenzas máis constantes deste ciclo transformador. A mostra acompáñao a través da súa obra construída e escrita, mais tamén polo nacemento do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, o I SIAC, a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña ou o propio Museo do Pobo Galego, do que foi o primeiro socio e parte activa durante moitos anos. Deste xeito, a exposición conmemora neste 2026 o 50 aniversario da creación da súa Xunta Xestora e da constitución do seu Padroado, ao tempo que reivindica o papel das persoas e institucións que fixeron posible aquel proxecto colectivo.