
WORKSHOP ON ARCHITECTURES OF THE SEA
Transnational Intercooperation Forum · Productive Landscapes
16–18 de xullo de 2026 · Secada–Touro, Ribeira, Galicia
Architectures of the Sea é un workshop internacional que se desenvolve ao longo da costa atlántica, conectando Galicia, Canarias, Portugal, Francia e Irlanda arredor dos retos compartidos do territorio e do mar. Concibido como un laboratorio de aprendizaxe, investigación e experimentación colectiva, propón achegarse ás paisaxes costeiras desde a arquitectura, a observación e a experiencia directa do lugar.
Nesta edición, o caso de estudo será a Área Nai de Secada–Touro, en Ribeira, un enclave singular do litoral galego onde traballaremos sobre as relacións entre paisaxe, patrimonio, actividade produtiva e comunidade.
O workshop contará coa participación dos estudos Fuertes Penedo, Prieto + Patiño, María Fandiño e Ele Arkitektura, conformando un equipo docente que combina práctica profesional, investigación e coñecemento do territorio.
Ao longo de tres xornadas intensivas, o programa combinará diferentes formatos de traballo e intercambio:
- Conferencias e conversas con profesionais convidados.
- Sesións de traballo colaborativo en pequenos grupos.
- Visitas e percorridos por enclaves significativos do litoral.
- Espazos de debate, presentación e posta en común entre participantes procedentes de distintos contextos.
A convocatoria está dirixida a 15 estudantes, que traballarán en equipos de entre tres e cinco persoas nunha experiencia inmersiva, internacional e interdisciplinar. Poderá participar o estudantado do Máster Universitario en Arquitectura, Máster Universitario en Rehabilitación Arquitectónica, 5º curso do Grao en Estudos de Arquitectura e do 4º curso do Grao en Paisaxe.
Se che interesa a arquitectura, a paisaxe e os territorios costeiros, esta é unha oportunidade para aprender doutras formas de proxectar: percorrendo o territorio, traballando en equipo e compartindo experiencias con profesionais e estudantes con intereses comúns.
Para participar, será necesario presentar unha carta de motivación grupal, cunha extensión mínima de 500 palabras e máxima dun folio A4, na que expliquedes o voso interese polo workshop, a relación coa temática proposta e as razóns polas que queredes formar parte desta experiencia. A carta deberá elaborarse utilizando o formulario adxunto, cubrindo todos os datos solicitados é o prazo de envío do formulario será ata o día 30 de Xuño incluído.
As candidaturas deberán remitirse aos enderezos electrónicos dos coordinadores: juan.prieto1@udc.es e oscar.fuertes@udc.es
Todas as solicitudes serán avaliadas polo comité organizador e a resolución da convocatoria comunicarase a principios do mes de xullo.
A organización asumirá a matrícula e cubrirá os gastos de aloxamento, manutención, actividades e desprazamentos asociados ao desenvolvemento do workshop. Unicamente será necesaria a mobilidade propia ata Ribeira, punto de encontro e inicio das actividades.
As conferencias e talleres desenvolveranse no Mercado Municipal de Ribeira (1ª planta).
Máis información próximamente en Instagram: @architecturesofthesea