III Premio de Construción Sostible do Clúster da Pizarra de Galicia

O Clúster da Pizarra de Galicia abriu a convocatoria do III Premio de Construción Sostible con pizarra, un certame que busca recoñecer a excelencia, a innovación e a sustentabilidade no uso deste material natural en proxectos arquitectónicos realizados en calquera parte do mundo que empreguen, de forma significativa, pizarra producida por empresas da Agrupación industrial ou da Federación Nacional da Pizarra

O galardón, que alcanza a súa terceira edición, consolida unha iniciativa que naceu en 2021 co obxectivo de poñer en valor a lousa como material de referencia na construción sostible. Na primeira edición resultou premiado un proxecto de rehabilitación dunha vivenda executado no municipio ourensán de San Xoán de Río, asinado polo arquitecto Pablo López Prol, o aparellador Diego Rodríguez Val e o colocador Gelasio Sotelo Bugallo.

Na segunda edición, o certame non outorgou un único premio global, senón que se estruturou en diferentes recoñecementos por categorías, entre eles o de Mellor Cuberta, para a reconstrución do núcleo rural de Candeda (Carballeda de Valdeorras); o de Mellor Fachada, para a nova adega de Virxe do Galir (O Barco de Valdeorras); e un accésit especial para a rehabilitación do albergue de Carballeda de Valdeorras.

Descargar bases do concurso