
O evento ATLANTÍA pretende reunir, nunha xornada que se estenderá durante todo o xoves, 18 de xuño, no Naútico de San Vicente do Mar a visión de varias arquitectas de xeracións diferentes, e con perfís profesionais tamén moi diversos. Un evento que pretende continuar no tempo, amosando o traballo, implicación e diversidade de tantas profesionais arquitectas e que aspira tamén a descubrir e servir de plataforma para aquelas máis novas.
O emprazamento elixido, o Náutico de San Vicente, á beira da Praia da Barrosa e do Océano Atlántico, non é casual. Búscase que o evento emule o fenómeno da experiencia en vivo, e que reserve certo grao de sorpresa nas participacións e relatorios que terán lugar ese día, todo cun carácter distendido, a modo de festival da arquitectura, onde a praia permitirá eses momentos de descanso e relaxación entre ponencias.
Arquitectas proxectistas, urbanistas, músicas, ilustradoras, divulgadoras…todas estarán alí representadas e o público será fundamental para que a experiencia sexa completa, dinámica e enriquecedora.
A xornada desenvolverase durante todo o día (de 9:30h a 21:00h), pola mañá con 4 intervencións e mesas de debate, e pola tarde con outros 4 relatorios e mesas de debate.
Ao mediodía, entre as 13:45h e as 15:45h, para quen así o desexe, ofrecerase unha comida, fideuá de marisco ou alternativa vegana apta para persoas celíacas, por un importe de 15 euros, que poderá solicitarse previo pago no momento da inscrición e que será degustada nas instalacións (terrazas) do propio náutico.
Ás 17:00h terá lugar unha conexión en streaming a través da canle do Consello Superior de Arquitectos de España (CSCAE), para a lectura dun libro dentro do ciclo “Espacio de Lectura con A de Arquitecta” e que acollerá ese día o COAG coa lectura e presentación, desde San Vicente, do último libro publicado da arquitecta e fotógrafa Ana Amado, “Sancti Spiritus”, acompañada da arquitecta e xestora da conta de instagram “Le Petit Patito”, Laura Pato.
Tamén está dispoñible un servizo de ludoteca/acompañamento de menores todo o día. A solicitude do servizo de ludoteca implica necesariamente a necesidade de subscribir o servizo de comida.
A asistencia ao acto requirirá inscrición previa, para garantir entrada ao mesmo, por ter espazo limitado, aínda que se permitirá o acceso ao final do mesmo para desfrutar da actuación musical sorpresa que pechará o evento. Cada persoa inscrita podera levar a unha persoa acompañante. En caso de usar o servizo de ludoteca, cada persoa inscrita poderá inscribir aos rapaces que precisen.
As persoas interesadas en asistir deberán comunicar a súa asistencia á maior brevidade posible e, en todo caso antes das 23:59 horas do vindeiro día 14 de xuño de 2026, cubrindo o formulario dispoñible no seguinte ENLACE