
O Concello da Coruña organiza anualmente unha xornada de portas abertas nos estudos de artes plásticas da cidade baixo o nome de Estudos Abertos. Esta iniciativa reunirá o 6 e 7 de xuño a numerosas persoas artistas en 55 espazos da cidade, que mostrarán aos coruñeses e coruñesas o seu traballo.
Participarán profesionais das diferentes disciplinas artísticas: escultura, pintura, fotografía, ilustración, debuxo, cerámica ou multidisciplinar. O acceso para a cidadanía é gratuíto e os estudos contarán con programación propia durante toda a xornada, que incluirá a participación de artistas invitados e outras sorpresas.
O obxectivo desta xornada é coñecer de primeira man aos artistas coruñeses, os seus centros de traballo e creación e os seus procesos creativos. Son todos eles e elas profesionais radicados na cidade e que desenvolven o seu traballo nela.