
O venres 5 de xuño terá lugar unha conferencia organizada pola Delegación de Santiago do Colexio de Arquitectos na Sede Afundación (Rúa do Vilar, 19. Santiago de Compostela). Co título de “A intervención en Patrimonio como tema de arquitectura”, os arquitectos Mariano Pemán Gavín e Sergio Sebastián Franco impartirán un relatorio centrado nas actuacións realizadas no Real Mosteiro de Santa María de Sijena.
A conferencia abordará a intervención no patrimonio monumental dende a arquitectura contemporánea, reflexionando sobre os procesos de restauración, rehabilitación e adecuación funcional de edificios históricos. A través da experiencia desenvolvida en Sijena, exporanse distintas estratexias de actuación sobre o patrimonio construído, atendendo tanto aos seus valores históricos e arquitectónicos como ás novas necesidades expositivas e museográficas.