
O vindeiro martes 5 de maio ás 19:30 horas continúa na Real Academia Galega de Belas Artes o Ciclo de conferencias “Experiencias en arquitectura. Investigacións e realizacións recentes” encadrado nos “Martes das Artes”, actividade coordinada polo arquitecto e académico Xosé Manuel Casabella López.
A seguinte conferencia titulada “Arquitecturas recuperadas” será impartida por Ignacio Reigada Cordido e Susana Vázquez Pérez, formados na ETSAC e creadores do Estudio Sinaldaba. Nesta charla farán un breve percorrido a través das súas vivencias desde 2010 ata hoxe, a través de obras próximas que nacen do cotián. Proxectos que crecen do existente, do xa vivido, buscando recuperar o uso desde unha mirada contemporánea, sen esquecer de onde veñen. Intervencións que intentan dialogar co que estaba, respectar a súa memoria e acompañala cara a unha nova vida.