
O obxectivo deste maratón non é outro que desfrutar dun día diferente, debuxando, experimentando, compartindo e de paso cambiar o xeito de percibir as cousas que nos rodean, aprendendo a facelo cunha maior profundidade . Intentaremos levar ao papel, sen pausa e na medida das posibilidades de cada un, todo canto nos rodea, co lapis, acuarelas, rotuladores ou calquera outra técnica que nos poida interesar.
Compartir o maratón con outra xente e debuxar acompañados doutras persoas que tamén debuxan fan que a experiencia sexa máis interesante e divertida, positiva e inspiradora. Diferentes puntos de vista, diferentes detalles, diferentes sensibilidades…
Trátase de DEBUXAR SEN PARAR durante todo o percorrido proposto, tendo en conta que:
• Non se necesita ningún tipo de experiencia previa para participar.
• Non hai regras.
• Todos poden participar, xa sexa durante 20 minutos ou ao longo de todo o maratón.
• Debuxaremos edificios, persoas, cafés, restaurantes, interiores, vistas, prazas, rúas, obxectos, persoas, animais… todo canto nos pareza.
• No punto de encontro realizarase un control de firmas, e entregarase a documentación necesaria, plano do percorrido e bloc.
• Os organizadores seguirán o percorrido e o horario marcado no plano.
• Estarán nas paradas marcadas para informar, asesorar ou recoller os traballos realizados.
• Os participantes poden organizar o tempo do maratón como mellor lles pareza.
• Non é obrigatorio seguir todo o percorrido. Podemos facer atallos ou paradas máis longas.
• Podes traer o teu propio bloc de debuxo (ha de ser asinado), lapis, rotuladores ou o que consideres oportuno. Técnica libre.
Recoméndase a realización de debuxos rápidos, apuntamentos, bosquexos, impresións… e non debuxos que supoñan longos períodos de traballo.
Todos os debuxos levarán a data, hora e o lugar de realización.
Despois de camiñar e debuxar entregarase o resultado no lugar e hora indicado.
Todos os diferentes niveis de habilidade son benvidos, desde artistas, veteranos, afeccionados, debutantes…
PREZO: Gratis
TRAER: Bloc e utensilios de debuxo segundo preferencias de cada un.
NOTA: Participación aberta A TODO O MUNDO.