Xornada final de presentación de resultados do proxecto Renatur_Outes

O río Tins converteuse nos últimos tres anos nun auténtico laboratorio vivo de sustentabilidade, no que a ciencia, a xestión pública e a educación ambiental traballaron da man para avanzar na recuperación dos ecosistemas fluviais.

Todo o aprendido neste proceso será compartido nunha xornada do proxecto Renatur_Outes, que terá lugar o vindeiro mércores 26 de febreiro ás 16.00 horas, na Aula Magna da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Durante a xornada presentaranse os principais resultados do proceso de renaturalización do río Tins ao seu paso polo concello de Outes, no que participou profesorado da ETSAC, facendo especial fincapé na mellora da biodiversidade, na restauración do bosque de ribeira e no impacto ambiental e social destas actuacións no territorio. O encontro servirá tamén para compartir aprendizaxes e reflexionar sobre os retos de futuro na xestión sostible dos ríos.

O programa incluirá unha presentación institucional, unha exposición técnica dos resultados do proxecto e un peche informal que facilitará o intercambio entre persoas asistentes, investigadores e entidades colaboradoras.

A asistencia á xornada é gratuíta, con inscrición previa a través do correo electrónico comunicacion@fceer.org.

Renatur_Outes está coordinado polo Centro de Estudos Eurorrexionais (Fundación CEER) e liderado polo Concello de Outes, e conta coa participación de investigadores das tres universidades públicas galegas —Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo— así como de Montescola. O proxecto conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.