
O xurado do Festival Internacional de Xardíns de Allariz reuniuse hoxe para seleccionar os proxectos que formarán parte da edición 2026 do evento, que terá como lema “Xardíns da Liberdade”.
Nesta nova edición, o festival propón unha reflexión arredor da liberdade nas súas múltiples dimensións —a da natureza, a das persoas e a da sociedade— e sobre o papel dos xardíns como espazos de creación, resistencia, encontro e expresión contemporánea. A convocatoria espertou un notable interese internacional, con propostas procedentes de Galicia, doutras comunidades do Estado e de diversos países de Europa, América e África.
Do total das 57 propostas presentadas, procedentes de países como España, Portugal, Austria, Suecia, Italia, Países Baixos, Croacia, Bosnia e Hercegovina, México, Colombia, Chile, Costa Rica, Cuba, Honduras, Arxentina, Sudáfrica e Estados Unidos de América, o xurado seleccionou nove proxectos que formarán parte da exposición da edición 2026:
• Ék-tasis — Portugal
• TIME OUT – Free yourself from the digital — Austria
• Hortus Captivus — Italia
• The garden of floral disobedience — Sudáfrica e Países Baixos
• Libre albedrío — Colombia e Chile
• Umbrales y refugio de libertad — México e Barcelona
• Bam-Boom — Murcia
• Liberar poñendo límites — Madrid
• Xardín Crisálida — A Coruña
Así mesmo, o xurado acordou establecer unha listaxe de proxectos suplentes, por esta orde:
• Caminos a la libertad — Madrid
• Aires de libertad — Madrid
• Halo — Madrid
Ademais, o xurado decidiu outorgar unha mención especial ao proxecto O xardín das delicias, procedente da Unidade Hospitalaria de Rehabilitación Psiquiátrica do Hospital Piñor de Ourense. Aínda que non foi escollido para formar parte da exposición, o xurado valorou moi positivamente a súa participación na convocatoria e quixo agradecer de maneira especial o seu compromiso e achega ao concurso.
O xurado estivo integrado por Francisco García, director do Festival Internacional de Xardíns de Allariz; Francisco Caldeira Cabral, presidente do xurado; Celestino Feijoo, director técnico do Festival; Elsa Severino, paisaxista portuguesa; Juan A. Caridad, coordinador do Grao en Paisaxe da Universidade da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostel; Raquel Casas, paisaxista e docente do Máster da Universidade Politécnica de Madrid; Paz González e Álvaro Mingo, en representación da AEP; Eduardo Barba, paisaxista; Víctor Pérez, presidente da AGAEXAR; e, en representación municipal, María López, concelleira de Promoción Económica, e Álex Fernández, aparellador municipal.
O Festival Internacional de Xardíns de Allariz, que ocupa un espazo de 37.000 metros cadrados, constitúe un escaparate único de deseños innovadores que combinan arte, natureza e conciencia ambiental. A temática desta edición, “Xardíns da Liberdade”, convida a reinterpretar o xardín como un espazo simbólico e físico de emancipación, creatividade e compromiso social, abrindo novas vías para a experimentación no deseño paisaxístico contemporáneo.
A XVI edición do festival abrirá as súas portas ao público no mes de maio de 2026 e permanecerá aberta ata finais de outubro, consolidando o seu papel como un dos eventos máis destacados do paisaxismo internacional.