Patrimonio Moderno en Galicia. Conversas na Delegación da Coruña do COAG

O luns 15 de decembro, ás 19.00 horas, na Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, terá lugar o encontro-coloquio: PATRIMONIO MODERNO EN GALICIA. CONVERSAS, onde estudantes e profesorado da ETSAC falarán sobre o valor e o futuro deste legado arquitectónico, a partir dos traballos expostos na mostra ARQUITECTURAS EN CURSO. MODERNIDADE NA ETSAC.

O encontro-coloquio, PATRIMONIO MODERNO EN GALICIA. CONVERSAS, versará sobre o Patrimonio Moderno en Galicia, apoiándose nunha selección de traballos académicos que poden verse na exposición ARQUITECTURAS EN CURSO. MODERNIDADE NA ETSAC. En particular, Traballos Finais do Mestrado Universitario en Rehabilitación Arquitectónica e de Crítica Arquitectónica do Mestrado Universitario en Arquitectura. Estes exercicios académicos recollen unha serie de casos de estudo de arquitecturas do século XX, situados ao longo de todo o territorio galego, que permitirán reflexionar sobre os valores patrimoniais da modernidade arquitectónica en Galicia, sobre o seu estado actual – nalgúns casos en situación de ruína–, e sobre as estratexias de intervención necesarias para garantir a supervivencia e axeitada conservación deste valioso legado.

Este evento organízase no marco da exposición ARQUITECTURAS EN CURSO. MODERNIDADE NA ETSAC, que se poderá visitar ata o día 23 de xaneiro do 2026 na sala da Delegación da Coruña do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. A mostra, organizada por esta Delegación e a Escola Técnica Superior de Arquitectura, trata de achegar aos profesionais e á cidadanía o traballo realizado polo estudantado da ETSAC, en continuidade coa iniciativa posta en marcha polo Departamento de Proxectos Arquitectónicos, Urbanismo e Composición (DPAUC) hai un par de cursos. Nesta ocasión, ao coincidir a súa inauguración coa celebración do XIII Congreso Docomomo Ibérico na cidade herculina, os traballos expostos están dedicados integramente á arquitectura da Modernidade galega.

A partir da conversa das/os autoras/es destes traballos e dun amplo e diverso grupo de profesorado da ETSAC, convidarase aos/ás asistentes a este acto a unirse ao debate.

Participan: Fernando Agrasar Quiroga / Claudia Barral Sánchez / Cristina Beberide García / Amparo Casares Gallego / Celestino García Braña / José Manuel García Castro / Óscar Ledo Romay / Nazaret López Díaz / Lara Martínez López / David Muñiz Loira / Andrea Pardo Castañeda / Luz Paz Agras / Eva Pérez Mosteiro / Emilio Rodríguez Blanco / Adriana Rodríguez González / Uxía Sampedro Teijeiro / Pepe Vázquez Rodríguez / Vier Arquitectos / Evaristo Zas Gómez

Máis información