
O vindeiro martes 28 de outubro continúa o Ciclo de conferencias “Experiencias en arquitectura. Investigacións e realizacións recentes” encadrado nos “Martes das Artes”. A actividade está coordinada polo arquitecto e profesor da ETSAC Xosé Manuel Casabella López.
A sexta conferencia titulada “Recreacións virtuais de arquitecturas perdidas e soñadas. Novas metodoloxías para investigación da arquitectura e o patrimonio en Galicia” será impartida por Jesús Ángel Sánchez García quen tratará sobre a intersección entre o coñecemento histórico e as tecnoloxías dixitais, a creación de modelos 3D de arquitecturas desaparecidas e proxectadas pero non construídas en Galicia que está a servir, mediante varios proxectos financiados con fondos estatais e europeos, para concretar novas metodoloxías de investigación desenvolvidas desde o grupo IDEAHS, no Departamento de Historia da arte da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración con deseñadores gráficos do CIAG. As problemáticas para afrontar e as novas posibilidades para análises de información gráfica e difusión de resultados son aspectos integrados nunhas investigacións académicas orientadas ademais a crear novos rexistros de patrimonio dixital..
A conferencia terá lugar ás 20:00 horas no Salón de Actos da Real Academia Galega de Belas Artes (Praza Pintor Álvarez de Sotomayor, 1. A Coruña) con entrada libre ata completar capacidade.