Conferencia de Santiago Catalán na Real Academia Galega de Belas Artes

O vindeiro martes 21 de outubro continúa o Ciclo de conferencias “Experiencias en arquitectura. Investigacións e realizacións recentes” encadrado nos “Martes das Artes”. A actividade está coordinada polo arquitecto e profesor da Escola Xosé Manuel Casabella López.

A quinta conferencia titulada “Arquitecturas debuxadas. Lugo, Compostela, A Coruña” será impartida por Santiago Catalán quen fará un paseo ilustrado coas imaxes debuxadas dalgunhas das arquitecturas máis simbólicas e representativas desas tres cidades. Trátase dun percorrido sentimental que non pretende un gran rigor histórico ou documental. Simplemente mira e fixa minuciosamente no papel a imaxe ou o ángulo de visión daqueles edificios ou fitos urbanos que lle interesan plásticamente ou que lle conmoven emocionalmente á vez que comenta sucintamente un retrinco da súa historia, a súa época de construción e o seu significado no urbanismo, a arquitectura e a decoración urbana ao longo de moi diferentes épocas e estilos.

Todos os actos do ciclo terán lugar ás 20:00 horas no Salón de Actos da Real Academia Galega de Belas Artes (Praza Pintor Álvarez de Sotomayor, 1. A Coruña) con entrada libre ata completar capacidade.