Falecemento de Ramón Yzquierdo Perrín, catedrático da Escola

Desde a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña queremos expresar o noso máis sentido pésame polo falecemento de Ramón Yzquierdo Perrín, catedrático de Historia da arte na nosa Escola e figura clave no estudo e a divulgación do patrimonio arquitectónico galego.

Nacido en Santiago de Compostela en 1948, desenvolveu unha brillante carreira académica e investigadora, primeiro na Universidade de Santiago e, desde 1995, como catedrático na Universidade da Coruña. A súa especialización en arte románico deixa unha profunda pegada na historiografía galega, con obras fundamentais como Arquitectura románica en Lugo; O coro do mestre Mateo; O camiño a Santiago do Norte na provincia de Lugo. Roteiro da costa; 100 obras mestras da arte galega; Santiago de Compostela na Idade Media; ou O mestre Mateo e O pórtico da Gloria na catedral de Santiago.

Foi membro numerario da Real Academia Galega de Belas Artes e membro correspondente da Real Academia da Historia e da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, ademais de formar parte do Consello da Cultura Galega e do Consello de Fábrica da Catedral de Santiago.

O seu legado como investigador, docente e defensor do patrimonio cultural galego perdurará en xeracións de estudantes, colegas e cidadáns que aprenderon a mirar a arquitectura con profundidade e respecto grazas ao seu traballo.

Descanse en paz.