O vindeiro martes 16 de setembro continúa o Ciclo de conferencias “Experiencias en arquitectura. Investigacións e realizacións recentes” encadrado nos “Martes das Artes” e composto por 7 conferencias. A actividade está coordinada polo arquitecto e académico Xosé Manuel Casabella López.
A segunda conferencia titulada “A estación de servizos como campo de experimentación na arquitectura española de vangardas (1927- 1967)” será impartida por Alberto Rodríguez Arias e tratarase o importante papel que as estacións de servizos tiveron nas vangardas arquitectónicas da posguerra en España, ademais de destacar como estas construcións de tamaño limitado, dispersas pola xeografía, serviron, case desde o anonimato, como laboratorio de investigación aos seus creadores nunha época de cambios radicais na arquitectura. Desde 1927, a fío da construción da gasolineira Porto Pi, deseñada por Casto Fernández-Shaw Iturralde e da creación do Monopolio de Petróleos en España, ata mediados da década dos sesenta, foron numerosos os exemplos de arquitectura vangardista que se deron cita nesta tipoloxía, que por outra banda parece estar próxima ao seu fin tras soamente cen anos en servizo.
As estacións de servizos representaron unha nova tipoloxía arquitectónica, sen apenas referencias anteriores, o que facilitei a ruptura coas tradicións. A súa vinculación directa co automóbil, xa de por se un invento representativo da modernidade e a súa contida escala a converteron na tipoloxía perfecta coa que experimentar e ensaiar novas formas e conceptos, acordes coas correntes arquitectónicas chegadas de Europa, achegándoas á sociedade, dun modo máis inmediato que outros edificios máis arraigados nas tradicións.
Todos os actos do ciclo terán lugar ás 20:00 horas no Salón de Actos da Real Academia Galega de Belas Artes (Praza Pintor Álvarez de Sotomayor, 1. A Coruña) con entrada libre ata completar capacidade.