Desde o FabLab da ETSAC, activos desde 2014, e integrados no ano 2024 na rede de internacional de FabLabs estruturada desde o Center for Bits & Atoms do MIT, ofrecesense unha serie de cursos de formación orientados á capacitación básica do alumnado vinculado á ETSAC no manexo de tecnoloxías dixitais relacionadas co Deseño paramétrico e a Fabricación Dixital mediante o uso das ferramentas de control numérico dispoñibles no noso espazo de fabricación.
Os cursos serán impartidos polo profesor José A. Vázquez, coordinador do FabLab da ETSAC, egresado no ciclo FabAcademy 2025. Esta actividade englóbase dentro das propostas realizadas polo profesor para a concesión dun ano sabático no curso 2025-26 e ten como obxectivo facilitar a comprensión e manexo de ferramentas dixitais dispoñibles no FabLab á comunidade da ETSAC.
Cada unha das propostas de formación terá un sesión presencial de tres horas de duración. Estableceuse un número mínimo de cinco participantes para que o curso se imparta. Cada asistente deberá dedicar un mínimo de tres horas adicionais para completar as prácticas propostas en cada sesión. Desde o FabLab estaremos dispoñibles para axudar en todo o que se necesite.
Os cursos impártense en modalidade presencial, serán gravados e, unha vez editados, poñeranse ao dispor da comunidade universitaria.