Andaina e encontro para referendar un Manifesto Pola Defensa do Territorio

Máis dun cento de profesionais da arquitectura e o urbanismo, e doutras disciplinas que traballan en torno a paisaxe, asistiron o pasado 12 de xullo no Leboreiro (Melide) a unha andaina e encontro para referendar un Manifesto Pola Defensa do Territorio, subscrito xa por máis de 400 asinantes, entre as que hai 150 arquitectos e arquitectas, e 30 docentes da ETSAC.

Logo de percorrer un treito de 5 kms do Camiño Francés, celebrouse un acto conducido polo actor Quico Cadaval. O lugar escollido ten unha gran relevancia xa que se atopa no epicentro da zona de afección do proxecto de Altri para impoñer unha nova fábrica de celulosa no país.

Foi un acto de escoita, sobre todo falaron as veciñas e veciños, quenes explicaron a súa experiencia vital, o seu traballo diario no territorio, e as súas inquedanzas perante as inminentes ameazas. Interviñeron: Antón Masa, presidente da Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), Lois Varela, gandeiro en Carteire (Palas de Rei), Pilar Bispo bióloga e produtora ecolóxica en Vila de Cruces, María Gontá, enxeñeira naval e veciña de Antas de Ulla, Miguel Álvarez, veciño de Leboreiro (Melide), representando a voz da mocidade da comarca, Socorro Cea, profesora de Melide, que alertou sobre o efecto de Altri sobre os espazos dos nenos, Xosé Lois, gandeiro de Palas de Rei, Ana Pernas, avogada de Silleda, que apostou polo estatuto coma entidade xurídica do río Ulla e ría de Arousa, Alba Meijome, traballadora social de Lalín, Concha Casares, hosteleira en Melide, Xosé Manuel Broz, director do Museo da Terra de Melide, e Juan Pedro Sánchez, presidente da Plataforma Ulloa Viva , quen agradeceu as aportacións dos profesionais “cos que esta plataforma contou desde o primeiro momento e sigue a contar” porque, segundo destacou, “ninguén se salva so, so nos salvamos xuntas”.

Finalmente, deuse lectura ao manifesto por parte do grupo organizador, formado por Plácido Lizancos, Maricarmen Tapia, Xosé Allegue, Maria Alba López Barreiro, Jorge Duarte, Jorge Rodríguez Álvarez e Carlos Palacios, amais da arquitecta Patricia Muñíz, a xeógrafa María José Piñeira e a actriz e produtora Mabel Rivera. Finalmente, a artista local Aldara García López puxo a nota final cunha interpretación musical.

Aínda é posible consultar e asinar, como apoio simbólico, o Manifesto Pola Defensa do Territorio, na seguinte ligazón: https://forms.office.com/e/5ELSp9mphL

A listaxe de asinantes actualizase regularmente nesta outra: https://tinyurl.com/Asinantes-Manifesto