Convocatoria de participación festival atmósferas

O festival atmosferas é un festival de arquitectura efémera que se desenvolverá na cidade da Coruña no outono de 2025. Este evento busca reflexionar sobre os espazos públicos da cidade a través da arquitectura. A elección da tipoloxía arquitectónica, efémera, permite non afectar de forma permanente a cotiandade, pero si servir de ensaio para a comprensión do espazo público dunha maneira diferente.

O festival terá lugar durante unha semana na que non só serán visitables as obras durante tres días, senón que estas acompañaranse de conferencias das arquitectas e arquitectos participantes e outras actividades. Desta forma as propostas do festival servirán para achegar a arquitectura á sociedade que poderá experimentala, sometela a crise e reflexionar ao redor dos conceptos que mostran as diferentes obras.

atmosferas será o primeiro festival de arquitectura efémera contemporánea realizado en Galicia. O festival ten como obxectivo revitalizar a percepción da arquitectura como ferramenta de reflexión urbana e como disciplina para gozar da cidade e comprender o hábitat.

Descargar a convocatoria de participación