A semana pasada tiveron lugar as sesións de asesoramento ó goberno rexional de Flandes no deseño e desenvolvemento de ferramentas para a xestión integrada da paisaxe, no marco da reunión entre pares do proxecto Green Infrastructure for Forest and Trees (GIFT) do programa Interreg Europe-FEDER.
Os representantes do Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia estiveron acompañados polo coordinador do Grado de Paisaxe e profesor na ETSAC, Juan Antonio Caridad Graña, e por unha delegación do Departamento de Planificación e Seguimento Forestal e Paisaxístico do Slovenian Forestry Institute.
Durante a visita á localidade de Moelingen, no municipio de Voeren, afondaron nos aspectos específicos dos instrumentos de xestión que leva a cabo a Axencia Flamenca do Solo, cuxa política de desenvolvemento rural conxuga diferentes obxectivos, desde a produción de alimentos coa mellora dos espazos para adaptarse ao cambio climático, así como a configuración de espazos de encontro e ocio.