O Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia organiza varios cursos con prezos reducidos para estudantes.
O curso QGIS: Nivel iniciación ten como obxectivo proporcionar ao alumno unha base sólida para o traballo con Sistemas de Información Xeográfica utilizando o software libre QGIS, co propósito de abordar traballos de índole espacial, como o inventario de activos, análise paisaxística, xeración de cartografía, etc. Para iso, traballaremos con modelos de datos, procederemos á descarga de información xeográfica en liña, obteremos a cartografía e analizaremos os datos obtidos.
O curso de Deseño e Cálculo de Instalacións do Edificio con CYPECAD MEP permite deseñar e dimensionar a envolvente, a distribución e as instalacións do edificio nun modelo 3D. O uso de software para o cálculo de instalacións e a interpretación dos seus resultados segundo o CTE é clave para un deseño axeitado e a súa adaptación á obra real.
O curso BIM aplicado á contratación pública. Do papel á nube; do bosquexo á xestión, organizado polo CSCAE, ten unha especial énfase no uso da Intelixencia artificial como ferramenta ao servizo do profesional e tamén o coñecemento dos xemelgos dixitais, representacións virtuais dun edificio para a súa análise, estudo e monitorización.
Máis información e inscricións no apartado de formación da páxina do COAG