Xornada “O patrimonio cultural nos espazos portuarios de Galicia”

A xornada O patrimonio cultural nos espazos portuarios de Galicia, que terá lugar o vindeiro 13 de marzo no Museo do Mar de Galicia (Vigo) é a primeira actividade que o Consello da Cultura Galega organiza en colaboración coa ETSAC. Ten por obxecto destacar a diversidade dos valores culturais de carácter material e inmaterial que acollen estes espazos, analizar a complexidade da súa protección e, ademais, presentar exemplos de actuacións arquitectónicas recoñecidas relacionadas cos portos.

Sendo Galicia, como sinala Murguía, «unha case península, con numerosos portos, refuxios benfeitores colocados entre os terribles mares de Portugal e os non menos feros e ásperos da costa cantábrica», os portos galegos, como espazos de comunicación e de actividade económica e comercial, desempeñaron un papel fundamental na construción do territorio litoral galego e da súa identidade cultural.

Desde a multitude de peiraos e pequenos varadoiros ao longo da costa, dos pequenos portos pesqueiros das vilas litorais aos grandes portos; dos portos romanos aos portos ligados ao desenvolvemento da pesca e da industria conserveira a partir da metade do século XIX e ao desenvolvemento industrial de Galicia no século XX, estes espazos conservan as pegadas das actividades que se levaron a cabo neles: navegación, pesca, comercio, construción naval, industria, tecnoloxías, coñecementos e recursos, organizacións, memoria social.

Máis información e inscrición (gratuíta)