Patricia Muñiz Núñez e Vicente Adrián López Chao, docentes da ETSAC, e Jorge Sobral Fernández, obtiveron recoñecemento no Premio Xoán Vicente Viqueira de Investigación en Ciencias Sociais da Deputación da Coruña.
O premio á innovación científica nalgún dos ámbitos das ciencias sociais, as humanidades, a sustentabilidade e a innovación social foi para Patricia Muñiz Núñez, doutorada e docente na UDC no departamento de Proxectos Arquitectónicos, Urbanismo e Composición, ademais de fundadora do Estudio MMASA. Dela, o xurado valorou o alto nivel de transferencia e de utilidade social da súa investigación, centrada na vivenda de transición e realoxamento de persoas desprazadas por conflitos bélicos, desastres naturais ou consecuencias do cambio climático. Tamén destaca o alto interese social e a participación en investigacións de alto contido aplicado.
O premio á calidade dun traballo de investigación realizado por unha persoa investigadora nova nalgún dos ámbitos das ciencias sociais, as humanidades, a sustentabilidade e a innovación social recaeu en Vicente Adrián López Chao, doutor e docente no departamento de Expresión Gráfica Arquitectónica da UDC. No seu caso, destaca o relevante impacto científico que fixo transcender a súa investigación do ámbito da arquitectura á educación e á psicoloxía ambiental. As súas publicacións teñen impacto en disciplinas moi diferentes, destacando o seu aspecto interdisciplinar.