O Encontro Temático Paisaxe cultural e patrimonio territorial. Cara a un proxecto integrado do territorio (ETTPC #1) terá lugar na sede do Consello da Cultura Galega en Santiago de Compostela os días 19 e 20 de febreiro de 2025.
Os Encontros Temáticos Transversais dende o Patrimonio Cultural (ETTPC) xorden como unha actividade centrada na reflexión e o debate que, ao longo do bienio 2025-2026, vai xirar arredor do territorio como obxecto de análise, como ben común no que se manifesta a nosa forma de habitar o mundo, no sentido heideggeriano, e de relacionarnos.
No uso máis contemporáneo do territorio recoñécense lóxicas que sacrificaron o medio, os lugares e as identidades paisaxísticas ás urxencias do crecemento económico, pois medio e identidade considéranse como aspectos marxinais dun espazo que ocupar, cunha actitude indiferente aos valores que o caracterizan. O territorio ten unha profundidade histórica latente na nosa identidade cultural, xa que é resultado de procesos coevolutivos de longa duración entre o asentamento humano e o medio e, por iso, forma parte da nosa existencia individual e colectiva. A identidade local que se recoñece nas peculiaridades e singularidades dos lugares é unha realidade dinámica que se debe proxectar no futuro, como un potencial, unha oportunidade, un proxecto, e para iso cómpre protexela no presente.
Neste primeiro encontro imos tratar dos valores dos lugares e dos bens patrimoniais e de como constitúen un sistema vivo e complexo no que natureza e cultura son inseparables. Esta comprensión sistémica e territorial do patrimonio ten como aliado o concepto de paisaxe cultural, que desempeña un papel fundamental á hora de establecer unha estratexia para integrar a posta en valor dos lugares e dos bens patrimoniais locais nos procesos de coñecemento, ordenación, planificación e transformación do territorio orientados ao benestar social.
Recoñecer e valorizar a estrutura patrimonial do territorio, desde a mirada integradora da paisaxe cultural, afastada do consumo irreversible do medio ambiente e do territorio, contando coa participación social e cos coñecementos e valores da poboación local, está no camiño dunha necesaria autorrexeneración do territorio nas compoñentes materiais e inmateriais.