Seminario “O saber facer como patrimonio” no CISPAC

Na mañá do próximo martes, día 17 de decembro, o Grupo de Investigación en Composición Arquitectónica e Patrimonio. GICAP, da UDC, organiza no Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais. CISPAC, no Edificio Fontán, en Santiago de Compostela, o seminario O saber facer como patrimonio. Os oficios artesanais na arquitectura contemporánea.

Participarán como poñentes profesorado da UDC, vencellados ao CISPAC: Fernando Agrasar, Luz Paz e Ruth Varela da ETSAC e David Peón da Facultade de Economía e Empresa. O arquitecto da ETS de Arquitectura de Madrid, Alejandro García Hermida, impartirá unha conferencia sobre a labor da Fundación Culturas Constructivas Tradicionales, da que é director.

No seminario, presentarase o informe Sistemas Artesanais en Galicia. Unha ollada contemporánea, do Consello Económico e Social de Galicia (CES-Galicia), autoría de profesorado da UDC e o CISPAC: Luz Paz (coordinación) e José Carlos Barreiro da ETS de Arquitectura; David Peón da Facultade de Economía e Empresa e Elvira Santiago e Carmen Rodríguez da Facultade de Socioloxía. Contarase coa presenza do Presidente do CES-Galicia, Manuel Pérez, e do Director científico do CISPAC, Lourenzo Fernández.