Docentes da ETSAC galardoados no premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe

A Fundación Juana de Vega entregou o Premio Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe 2024, na categoría “Edificacións e instalacións produtivas no medio rural”, ao complexo enoturístico María Manuela de Boqueixón (A Coruña),  un proxecto do profesor da ETSAC Alfonso Salgado xunto a Francisco X. Liñares. Un dos dous accésits recau na Horta e invernadoiro do restaurante Culler de Pau (O Grove, Pontevedra), do profesor da ETSAC Juan Prieto xunto a Faustino Patiño.

Trátase da primeira edición dunha categoría de premios que persegue a mellora da integración na paisaxe de instalacións produtivas, un aspecto pendente en Galicia que require contar con proxectos modélicos. “Estes catro premiados son a punta de lanza para abrir novos deseños no marco da sostibilidade, da integración na natureza e do respeto á biodiversidade e ao capital natural propio”, valoraron desde a Fundación Juana de Vega. En concreto, o presidente da Fundación, Enrique Sáez, dixo sentirse moi orgulloso desta primeira edición da categoría porque se recoñeceu “unha vangarda cos pés na terra”.

Máis información