O Museo de Belas Artes da Coruña inaugura o 6 de novembro a exposición “Arquitecturas que falan do seu tempo”, comisariada por Xosé Manuel Casabella e Alfredo Sellier. A mostra recolle as creacións arquitectónicas dos 23 arquitectos que foron e son académicos de número e de honra da Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario, desde a súa creación o 31 de outubro de 1849 ata a actualidade. É por iso que o subtítulo desta exposición sexa 23+1.
As súas creacións arquitectónicas modelaron e transformaron o espazo de cidades e pobos ao longo dos últimos cento setenta e cinco anos. Tanto os edificios recentes como os antigos que se conservan e os que desapareceron, son xa parte inseparable da nosa memoria colectiva en Galicia. Do mesmo xeito o son os seus autores, arquitectos comprometidos coas artes, a cultura, e o rigor na súa actitude creativa, a cal foi motivo para o seu nomeamento como académicos.