A concelleira de Urbanismo do Concello de Ferrol, Blanca García, presentou esta mañá os actos que se celebrarán con motivo da Semana da Arquitectura no marco do seu Día Mundial o vindeiro 7 de outubro.
Ademais de ser un recoñecemento á importancia desta disciplina como arte e como instrumento de transformación social, esta iniciativa ten como obxectivo render homenaxe e poñer en valor o legado dun dos arquitectos que deixou unha fonda pegada en Ferrol: Alfredo Alcalá Navarro (Ciudad Real, 1940- Ferrol, 2023).
As actividades da Semana da Arquitectura comezarán o xoves 10 de outubro con visitas guiadas a algunhas das obras máis emblemáticas de Alcalá Navarro: as viviendas de Breogán (17:30 horas), o Ateneo Ferrolano (18:30 horas) e a Facultade de Humanidades (19:30 horas). Estas visitas contarán co acompañamento dun arquitecto que explicará diferentes elementos dos edificios.
O venres 11 inaugurarase a exposición Alcalá, arquitectura e materialidade 1966-2011 na praza de Armas (18:30 horas) con paneis explicativos da súa obra e, posteriormente, ás 19:00 horas, o edificio de Afundación acollerá a proxección do video Conversas no Pazo con Alfredo, unha peza que ofrece unha visión íntima e persoal do arquitecto. Na mesma localización sucederanse a presentación do libro Alfredo Alcalá Navarro: vivendas na rúa Breogán 1974-1976 e a conferencia Alfredo Alcalá, unha visión persoal, na que se compartirán experiencias vividas co arquitecto.