O mércores 4 de setembro, ás 19:00 horas, inaugúrase a exposición Los Carteles de Felipe Peña na sede coruñesa do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Esta mostra poderá visitarse en horario de apertura do COAG até o 4 de novembro.
Recentemente, e coincidindo coas celebracións do 50 aniversario da Escola de Arquitectura de A Coruña (ETSAC), publicouse un libro sobre os carteis que anunciaron as actividades culturais dende o curso 1980/1981 no que a ETSAC tivo edificio propio. Ese libro, editado por Luis Walter Muñoz Fontenla e titulado Actividades culturales a través de su propaganda. Los carteles de Felipe Peña, presentouse na Escola a finais de febreiro.
Unha selección dese material, formada por setenta carteis en formato orixinal, exporase na Delegación de A Coruña do Colexio de Arquitectos durante os meses de setembro e outubro de 2024. Unha montaxe expositiva que quere achegar á cidadanía todo este traballo, no que se amosa unha parte importante da historia da Escola de Arquitectura de A Coruña. Unha exposición creada con vocación de itinerancia polas principais cidades galegas para resaltar a influencia que tivo esta escola en toda Galicia.