Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural EMPC#46

Os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural (EMPC) son unha iniciativa levada a cabo pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) que comezou en novembro de 2015. Teñen como obxectivo xerar un espazo de difusión, debate, encontro e coñecemento arredor de diferentes proxectos que afectan ao patrimonio cultural, en xeral, e que moitas veces non chegan a un público amplo por diferentes motivos. Os protagonistas dos encontros son a sociedade, o elemento patrimonial, o debate e a reflexión. Ata o de agora centráronse en proxectos de arqueoloxía, rehabilitación, arquitectura, historia da arte, ou mesmo en enfoques interdisciplinarios, así como na xestión patrimonial, na divulgación do patrimonio, na participación cidadá e incluso no conflito patrimonial. Tamén se centraron en patrimonios esquecidos e vivos, materiais e inmateriais, amigables ou conflitivos, alén dos encontros e desencontros das políticas patrimoniais.

O #46 EMPC, que se celebrará o 25 de xuño na sede do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2º andar, Praza do Obradoiro, Santiago de Compostela) centrarase nas obras de rehabilitación desenvolvidas no Colexio de Nosa Señora da Antiga (Monforte de Lemos) e analizará algunhas das máis importantes levadas a cabo, a súa problemática e o que supoñen na súa mellora, pois o Colexio é un espazo vivo cunha función concreta docente —máis aló da súa importancia cultural e patrimonial—e, polo tanto, debe manter unhas condicións axeitadas a fin de que esa función para a que o espazo foi deseñado —e que aínda permanece— poida desenvolverse axeitadamente. No encontro participará o profesor da Escola Manuel Freire, director das obras de rehabilitación do Colexio.

Máis información

Descargar programa