Charla-debate sobre a re-naturalización do espazo ocupado por ENCE

O profesor da Escola Jorge Rodríguez Álvarez participará no debate sobre a proposta de re-naturalización do espazo ocupado pola fábrica de Celulosa ENCE na ría de Pontevedra, que foi elaborada coma unha actividade de Aprendizaxe e Servizo polas materias Paisaxe e Hábitat Sostible, Proxecto da Paisaxe 3 e Ordenación do Territorio, no curso 2022-2023.
Ata finais dos anos cincuenta do século pasado Os Praceres era un idílico enclave da parroquia de Lourizán, na ría de Pontevedra. A súa beleza atraía ilustres visitantes e dinamizaba a economía local, baseada na actividade marisqueira e no incipiente turismo. No ano 1958 o réxime de Franco decidiu, malia protesta da veciñanza, facer un recheo de 50ha sobre a ría, e construír o complexo ENCE-ELNOSA para a fabricación de pasta de papel e cloro. Estas instalacións levan degradando os valores ambientais e paisaxísticos da comarca durante 65 anos. A oposición cidadá segue sendo intensa pese a propaganda corporativa e as presións exercidas pola empresa. Co obxectivo de visualizar o potencial deste territorio tras a marcha da fábrica, a Asociación Pola Defensa da Ría e a nosa Escola colaboraron na elaboración dunha proposta para a re-naturalización do ámbito ocupado polo complexo industrial.
A charla e debate terán lugar o mércores 12 de xuño, ás 19:30 no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, en Pontevedra.