O vindeiro venres, 17 de maio, inaugúrase na Fundación Calouste Gulbenkian (Lisboa) a exposición Siza, dedicada á obra do arquitecto Álvaro Siza Vieira. Centrada no papel do debuxo na súa obra, a exposición reúne material orixinal, debuxos, bosquexos de traballo e documentos definitivos, fotografías, pezas de deseño, así como obras de artistas que compoñen a constelación de referencias persoais, artísticas e profesionais dunha das figuras máis importantes da historia da arquitectura en Portugal, e un dos grandes nomes vivos da arquitectura e o urbanismo no mundo.
Comisariada polo profesor da Escola Carlos Quintáns Eiras, a exposición conta coa asistencia no comisariado da profesora da Escola Zaida García Requejo, e coa colaboración das arquitectas formadas na Escola Lorena Fernández Pabst e Noemí Cuba Alvariño, e pretende abarcar todos os aspectos creativos da traxectoria de Siza. Para iso, nútrese dos arquivos depositados na Fundación Serralves, o CCA – Canadian Centre for Architecture, o centro británico Drawing Matter, así como a Fundación Calouste Gulbenkian e o propio estudo do arquitecto.