I Foro Transnacional. Arquitecturas do mar e a súa paisaxe asociada

O vindeiro martes, 14 de maio, celébrase na Escola o I Foro Transnacional. Arquitecturas do mar e a súa paisaxe asociada. Este foro exponse como un lugar de encontro para a reflexión acerca das arquitecturas do mar e a súa paisaxe asociada, de como estas edificacións moldearon a costa galega.

O establecemento dos distintos oficios tradicionais relacionados co mar, que aos poucos evolucionaron en industrias, ao longo da liña divisoria entre terra e mar, deu como resultado o asentamento arquitectónico de diferentes construcións características que hoxe son pegada dunha cultura específica: a cultura marítima de Galicia.

Construcións litorais e a súa paisaxe asociada: fábricas de salgadura, fábricas baleeiras, fábricas conserveiras, serradoiros, carpinterías de ribeira, estaleiros tradicionais, cetarias, muíños de mareas e construcións adxectivas (que engloba o conxunto de ramplas, secadoiros ou casetas de pescadores, entre outros), entendidas como arquitecturas vernáculas, de costura, de transición ou do mar, que son edificacións esenciais e libres de prexuízos de deseño, onde a forma é o resultado da función e a adaptación ao medio.

Co obxectivo xeral de mostrar unha visión contemporánea na que o estudo das boas prácticas a través da recuperación arquitectónica e da memoria colectiva dos oficios, permita a posta en valor do conxunto do patrimonio marítimo.

Máis información e inscrición