A Xunta de Escola aprobou hoxe o seguinte acordo sobre a publicación do “Proxecto GAMA de produción de fibra téxtil a base de celulosa”, promovido pola empresa ALTRI en Palas de Rei, que foi presentado como alegación ante a Consellería de Industria e Innovación da Xunta de Galicia dentro do plazo habilitado para iso:
A Escola de Arquitectura da Universidade da Coruña, recoñécese actor de responsabilidade sobre a Ordenación do Territorio en Galicia, a través da súa Xunta de Centro, e a partir da publicación do “Proxecto GAMA de produción de fibra téxtil a base de celulosa”, promovido pola empresa ALTRI en Palas de Rei, quere expoñer publicamente as seguintes consideracións:
1) A implantación desta industria extractiva de recursos naturais de grande escala modificará o desenvolvemento das actividades humanas que aseguran a construción sustentable do territorio, podendo alterar o equilibrio territorial de Galicia e dificultando a continuidade das actividades agro-gandeiras.
2) A localización do enclave anuncia impactos directos no medio físico e no patrimonio cultural difíciles de minimizar, resultando de grande alcance no espazo e de longa duración no tempo, anticipando a posible vulneración do dereito constitucional das persoas a desfrutar dun ambiente de calidade, apropiado para o desenvolvemento da vida humana, malia as medidas correctoras previstas.
3) O procedemento para a implantación desta industria mediante o instrumento de “PROXECTO INDUSTRIAL ESTRATÉXICO”, e en consecuencia a súa declaración como Proxecto de Interese Autonómico, supón na práctica a supeditación da ordenación do territorio a criterios de oportunidade económica, prevalecendo sobre calquera outras consideracións sociais, culturais e ambientais e tamén sobre as figuras vixentes de planeamento.
Por todo isto, chamamos a reconsiderar este proceso na procura dun maior consenso, incorporando na toma de decisións aos diferentes sectores sociais implicados.
No actual contexto de transición enerxética e cambio climático, a Escola de Arquitectura ofrece, como vén facendo desde a súa creación en 1973, o seu acompañamento e asistencia académica e científica á sociedade galega.
Aprobado pola Xunta de Escola o 17 de abril de 2024.