A ETSAC organizará o próximo Congreso Docomomo Ibérico

 

O pasado xoves 4 de abril, na reunión do seu Padroado, a Fundación Docomomo Ibérico elixiu a proposta da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña para organizar o seu XIII Congreso Internacional en 2025. É a primeira vez que se celebrará en terras galegas. Os anteriores congresos, celebrados desde 1997, reuniron bianualmente a numerosos arquitectos e investigadores especializados no tema proposto polas anteriores sedes.

A proposta da ETSAC, presentada co título «A modernidade marítima. Arquitecturas e infraestruturas da paisaxe litoral, 1925-1975», partía do expreso recoñecemento que o Convenio Europeo da Paisaxe, asinado no Palazzo Vecchio de Florencia o 20 de outubro de 2000 por iniciativa do Consello de Europa e ratificado por un bo número de estados europeos, entre eles o español, facía da súa inapelable importancia: «A paisaxe é un elemento importante da calidade de vida das poboacións, tanto no medio urbano como no rural, tanto nos territorios degradados como nos de gran calidade, tanto nos espazos singulares como nos cotiáns». A paisaxe, concluía o Convenio, «constitúe un elemento esencial do benestar individual e social».

Durante o medio século que ocupa a Docomomo (1925-1975) relativizouse e diluiuse a crítica ao Movemento Moderno por considerar a paisaxe como un mero fondo perspectivo ao que superpoñer os seus abstractos obxectos. Foi no litoral onde tantas arquitecturas abordaron un frutífero diálogo coa súa particular paisaxe, recoñecendo o seu incuestionable protagonismo.

Encabezadas emblemáticamente polos clubes náuticos, aínda que en diverso grao, as arquitecturas dos estaleiros, os portos, as lonxas, as naves portuarias, as factorías, os balnearios, as praias, as frontes marítimas, os poboados de pescadores, as vivendas colectivas e unifamiliares… pretenderon establecer un atento diálogo entre a linguaxe exhibida polo seu racionalista funcionamento e a característica paisaxe que sempre estableceu o contacto entre a terra e o mar.

A coherencia da proposta, convocada desde A Coruña, sobre a investigación de proxectos e obras da modernidade que teñan na liña litoral a súa principal razón de ser, está reforzada por ser a Universidade, encarnada na súa Escola de Arquitectura, quen a presente, sendo a investigación sobre a paisaxe e a súa proxección na docencia as que dotan de sentido a presenza do Grao de Paisaxe na institución académica.

Docomomo (Documentation and Conservation of buildings, sites and neighbourhoods of the Modern Movement) é unha organización internacional creada en 1990 con obxecto de inventariar, divulgar e protexer o patrimonio arquitectónico do Movemento Moderno. A Fundación Docomomo Ibérico, presidida por Celestino García Braña e dirixida por Susana Landrove, con sede en Barcelona, no Col·legi d’Arquitectes de Catalunya, coordina a consecución deses obxectivos en España e Portugal. Desde o inicio das súas actividades, en 1993, Docomomo Ibérico levou a cabo numerosas iniciativas de documentación e estudo do patrimonio moderno nos territorios ibéricos que se concretaron en bases de datos en liña, publicacións, exposicións, congresos, roteiros de arquitectura e campañas de protección de edificios, entre outros.