As actividades culturais celebradas na Escola, desde que ocupou o seu edificio propio no curso 1980-1981, supuxeron unha peza crave no seu desenvolvemento e consolidación. Déronlle coñecemento, difusión e prestixio, e supuxeron un complemento docente que podería considerarse unha carreira en si mesma.
O mércores 28 de febreiro, no Espazo ETSAC (13 horas), preséntase unha publicación que recolle un amplo resumo destas actividades a través dos carteis de Felipe Peña, que foron a súa propaganda durante décadas. O traballo de Peña, que presidiu varios anos a Comisión de Cultura da Escola, é dunha dedicación e calidade extraordinarias, que fan da súa antoloxía unha verdadeira lección sobre o proceso creativo e sobre o deseño gráfico.
Como complemento da publicación, inaugúrase a exposición dos carteis no vestíbulo da Escola, concibida como un gran mosaico e formando coa súa composición unha nova creación que trata de sintetizar toda esta traxectoria. Recompilando, revisando e analizando estes deseños, dámosnos conta da magnitude desta faceta da Escola.
O libro, ademáis destes deseños, inclúe textos dos ilustres protagonistas daquelas actividades, conferencias e exposicións na súa maioría. Completan a publicación artigos de profesorado da Escola e membros da Unidade de Investigación pARQc, paisaxe, arquitectura e cidade. O libro foi realizado polo propio Felipe Peña e por Luis Walter Muñoz Fontenla como editor da publicación e deseñador do libro e a exposición.