O vindeiro luns, 26 de febreiro, inaugúrase na Sala Municipal de Exposicións de Palexco (A Coruña) a exposición Antonio Palacios. El rumor de la historia, el ruido del tiempo, organizada polo Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid, a Fundación Arquitectura COAM e o Concello de Madrid e comisariada polo profesor da ETSAC Ricardo Sánchez Lampreave e polo doutor arquitecto formado na ETSAC José Varela Alén.
Despois de mostrarse no Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid, chega á Coruña a primeira exposición do “Ano Antonio Palacios” —que conmemora o 150 aniversario do nacemento do arquitecto porriñés—, recollendo as obras e proxectos fóra de Madrid, maioritaria e fundamentalmente en Galicia.
Froito do convenio entre o Concello da Coruña e o Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid, a exposición estará aberta ata o 12 de abril, no horario habitual da Sala Municipal de Exposicións do Palexco: de luns a venres, de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 21.00 horas. O acceso será gratuíto.